|
O Autor
Como escritor, Alvarellos é autor da única historia das Bandas de Música de Galicia, un voluminoso estudio de máis de mil páxinas publicado en 1986 e que foi finalista dos Premios de Investigación de Galicia. Nel recóllese a historia de máis de 400 bandas populares galegas. Así mesmo, Enrique Alvarellos publicou, entre outros libros, a novela Botei corenta anos (1977), o poemario Cen Anacos (1977), Mulleres destacadas de Galicia (1993) e un tomo das súas memorias: 70 anos en clave de fa (2001).
|
A Música
Foi a música, non obstante, a que vertebrou toda a súa vida e ocupou un lugar primordial durante os seus últimos anos. Nesta época centrouse na composición (máis de medio cento de pezas) e na dirección de coros. Xa en 1961 fundara o coro Entre as silveiras, co que acadou importantes recoñecementos en Lugo. En 1981 funda o Orfeón Xoán Montes, que dirixiu durante vinte anos, tempo no que a formación actuou en diversos escenarios de España e Europa. Tamén foi o director da coral Meigas e Trasgos de Sarria, a Coral de Monterroso, o Coro da Policía Local de Lugo e Coral de Agolada.
Entre as súas composicións musicais cómpre destacar a Cantata á Lanzada (obra sinfónico-coral), A Nosa Misa, Fisterra, María Guevara, Himno do Club Deportivo Lugo, Pequeña flor, diversas panxoliñas (Cando subín á montaña, Casiña santa, Eu cantar canteille...) ou Bimilenaria-Cantata luguesa, obra que deixou inconclusa.
|