A empresa cultural Alvarellos Editora iniciou a súa andaina en Lugo nunha primavera de 1977. Galicia vivía daquela un segundo Rexurdimento das súas letras e nese intre o polifacético Enrique Alvarellos Iglesias (A Coruña, 1931-Lugo, 2004) decidiu poñer en marcha o seu novo proxecto editorial.
Alvarellos Iglesias deulle a oportunidade de publicar a moitos escritores noveis que logo se foron consagrando no panorama cultural galego. Chegou a facer un catálogo de máis de cen obras —narrativa, poesía, teatro, música, ensaio...— e nos anos 90 especializou a súa labor en edicións a todo luxo de facsímiles dos séculos XVIII e XIX, cruciais na historia de Galicia.
Hoxe, Alvarellos Editora posúe un catálogo de máis de cincuenta títulos, e inicia unha nova andaina con novas publicacións e coleccións, entre elas a denominada “Clásicos”, na que recupera obras senlleiras editadas nos primeiros anos de funcionamento desta empresa, ou a “Colección Rescate”, que abre unha serie de volumes onde se fusionan xornalismo e literatura, recuperando textos esquecidos de plumas ilustres das nosas letras.
|
|