|
Obra voluminosa en sete tomos e preto de 3.000 páxinas que abrangue dende a Prehistoria ata o reinado de Isabel II. “La historia del primer pueblo de Europa”, en opinión do autor, o ferrolán Benito Vicetto.
A Historia de Galicia foi publicada orixinalmente en Ferrol polo editor Nicasio Taxonera entre 1865 e 1874, anos nos que Galicia vivía o chamado Rexurdimento das súa cultura. O historiador Felipe Arias Vilas afirma no Limiar de esta obra que “con ela, o autor ferrolán axudou a sentar as bases históricas do nacionalismo galego, sendo, neste senso, un verdadeiro precursor dos investigadores da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos.
Esta obra é todo un emblema para Alvarellos Editora, pois con ela iniciou, en 1978, a súa colección de facsímiles. Os sete tomos que integran a Historia de Vicetto eran daquela (cen anos despois da súa publicación primeira) practicamente imposibles de atopar fóra dalgunha boa biblioteca ou colección de vello. Esta empresa decidiu naquel momento editar unha colección rústica, moi económica, popular, destinada á máxima difusión da obra do ferrolán, que se vendía, en 1978, a 3.500 pesetas (os sete tomos).
|