 |
O autor/a
Antonio Neira de Mosquera (Santiago, 1823-1854) foi un dos precursores do Rexurdimento cultural de Galicia do último terzo do século XIX. Pertenceu a unha xeración de mozos universitarios, optimistas, loitadores, agrupados na Academia Literaria de Santiago (fundada en 1831), na que tamén atopamos a Añón, os irmáns Faraldo e Camino, Rúa Figueroa, Romero Ortiz... Tal e como recolle Xosé Ramón Fandiño no limiar de La marquesa de Camba, Neira de Mosquera cultivou todos os xéneros literarios (articulista, novelista, dramaturgo, crítico histórico e literario, monografías...). Como xornalista foi director de El Recreo Compostelano, con Antolín Faraldo como director adxunto. Para Benito Varela Jácome "Neira era el escritor más versado en la historia compostelana". Durante a súa estadía en Madrid colaborou, entre outros, no Semanario Pintoresco Español, revista ilustrada fundada por Mesonero romanos e na que tamén escribían Zorrilla, Fernán Caballero ou o Duque de Rivas. Morreu aos 31 anos de idade, en Compostela, un 9 de xullo de 1854. Xa case moribundo, ditara o seu derradeiro artigo, El poeta Sombra, a Benito Vicetto, un grande admirador seu.
|