Tunas e concertinas, orfeóns e rondallas, funcións teatrais, compañías líricas, ópera, zarzuela, sociedades recreativas, verbenas, romarías, bailes, cafés-concerto, unha Banda Municipal en auxe...
La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX transpórtanos a unha Compostela na que a música empeza a transcender os seus espazos habituais relixiosos –con epicentro na catedral e a súa Capela de Música– e ábrese a novas manifestacións máis laicas e urbanas ligadas a unha ideoloxía en auxe, o Rexionalismo.
É a época da creación da Escola de Música da Sociedade Económica de Amigos do País, antecedente do actual Conservatorio Histórico de Santiago.
A autora, María García Caballero, doutora en Musicoloxía, mergúllanos nun universo apenas tratado pola bibliografía especializada.
Centenares de datos, anécdotas, cifras e nomes propios constitúen un vasto estudo que nos traslada aos costumes e formas de vida dun tempo convulso e histórico, o Santiago da Restauración.