Este volume, co-editado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, presenta, por vez primeira, os fondos musicais da antiga biblioteca do Seminario Diocesano de Santiago, hoxe denominada Biblioteca de Estudos Teolóxicos de Galicia.
Un completo inventario de todas as partituras conservadas (que abarca desde mediados do século XIX ata os anos sesenta da seguinte centuria) que se complementa cun interesante capítulo onde o autor detense nas distintas etapas vividas polo Seminario compostelán desde a súa creación, en outubro de 1829, e un apartado dedicado a profesorado, lexislación, veladas musicais e organización dos actos.

Nomes como Xoán Montes, Pascual Veiga, Xosé Castro Chané, Xosé Pacheco ou Xosé e Ricardo Courtier aparecen á beira doutras figuras con apelidos tan ilustres como os Tomás L. de Vitoria, Francisco Guerreiro, Almandoz, De Benito, Sagastizábal, Perosi, Eslava, Ravanelo ou Urteaga.
A obra inclúe a reprodución dalgunhas das partituras máis significativas, dende algunhas das máis antigas das conservadas, como é o caso da manuscrita Misa en Fa de Cándido Aguayo, de 1856.
Con este rigoroso e documentado traballo, Fernández Places, músico e profesor de Violín, permítenos profundar no coñecemento da historia moderna da capital de Galicia. Por outra banda, dá un paso máis de face á elaboración desa historia pendente da música galega.