No verán de 1909, Santiago viviu un acontecemento sen precedentes na historia da cidade e de Galicia: a montaxe da Exposición Rexional Galega.

Un certame –hoxe esquecido– que acolleu a preto de 600 instalacións en ubicadas en once grandes e singulares pavillóns, e onde foron expostas máis de 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia.
A Expo de 1909 marcou época. Era tamén o primeiro Ano Santo do século e polo recinto (instalado ao suroeste da Alameda e no colexio San Clemente) pasaron en cinco meses máis de 53.000 persoas, o dobre da poboación de Santiago naquel intre.
Cen anos despois, aquela peculiar simbiose de arte e industria ben merece un rescate. O autor –o editor e xornalista Henrique Alvarellos Casas– viaxa á Galicia daqueles días para reconstruír a crónica da Exposición Rexional e recuperar do esquecemento preto de setenta fotografías e ilustracións únicas.
Este volume, que conta cun limiar da historiadora da Universidade de Santiago
Margarita Barral Martínez, é o primeiro monográfico que se publica sobre a Exposición Rexional de 1909. A colección de imaxes e ilustracións aquí reunidas –máis de setenta– constitúe a máis completa editada ata hoxe.
O traballo de documentación centrouse en diversas fontes arquivísticas e xornalísticas. O autor accedeu aos fondos de centros ou institucións onde posuían imaxes ou datos daquel evento: Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega, Arquivo Histórico maila Hemeroteca da Universidade de Santiago ou Palacio Real de Madrid.
Para elaborar a crónica, foron consultados diarios e revistas da época dos anos 1909 e 1910: os diarios locais
El Eco de Santiago ou
Diario de Galicia, o xornal de Madrid
El Imparcial ou o catalán
La Vanguardia, ademais de revistas gráficas do momento como a viguesa
Vida Gallega ou a madrileña
Nuevo Mundo.
O resultado é un volume cunha edición moi coidada, encadernado en capa dura e impreso nun papel especial de alta gramaxe, dotado dun verniz que potencia a intensidade e o contraste das imaxes centenarias.
 Arco do Comercio fronte ao Pilar Colecc. Postais Uxío de la Riva |  Escalinata baixada ao Pavillón Central Foto Chicharro |  Panorámica Foto Chicharro |
 Pavillón Centro Galego da Habana Foto Chicharro |  Pavillón do Recreo Artístico |  Arco da Liga de Amigos do País |
 Deseño orixinal de Antonio Palacios para o Pavillón de Recreto Artístico |  Desfile de Carrozas no actual Campus Sur Foto Chicharro |  Interior do pavillón central |
 O rei Alfonso XIII descende pola gran escalinata para inaugurar a Expo |  Grupo minerva e os xenios do escultor Ferreiro no patio do colexio San Clemente |  Salón de Honra no San Clemente |
 Invitacións para acudir á inauguración |  Cartel oficial da Expo de Francisco Lloréns |  Pavillón Central tralo temporal de decembro Foto Chicharro |